Responder al comentario
Xa á venda as entradas para os próximos catro concertos de Galicia Classics
Despois do éxito do seu concerto inaugural en Vigo, o ciclo Galicia Classics segue coa súa actividade con catro novos concertos, para os que xa se poden adquirir as entradas a partir de hoxe. Ás localidades dispoñibles para ver a prestixiosa Filharmónica de Moscova o 31 de marzo na Coruña, súmanselles as das actuacións do pianista Freddy Kempf (29 de marzo en Santiago), o barítono Borja Quiza e a soprano Teresa Novoa (27 de maio en Pontevedra), e o tenor Gregory Kunde (28 de maio na Coruña).
A Filharmónica de Moscova, na súa primeira visita a Galicia, actuará no Teatro Colón coruñés a carón do seu director titular, Yuri Simonov, e ofrecerá un programa con obras de Max Bruch e Sergei Rachmaninov no que se presentará o violinista Valery Oistrakh, neto do célebre David Oistrakh.
Ademais, Santiago de Compostela recibirá o próximo mes un dos máis brillantes pianistas da Valery Oistrakh, Freddy Kempf, que abordará no Salón Teatro un monográfico dedicado a Franz Liszt, no seu aniversario. As entradas para este concerto pódense adquirir a través da web taquilla.caixagalicia.es ou do teléfono 902 434 443.
Doutra banda, Pontevedra acollerá un concerto dos dous máis importantes cantantes galegos do momento, o barítono Borja Quiza e a soprano Teresa Novoa, que interpretarán arias de coñecidas óperas e romanzas de zarzuelas xunto á Orquestra Gaos. As localidades están á venda desde hoxe na web www.servinova.com e no número 902 504 500.
O Teatro Colón tamén será sede dunha das citas máis esperadas do ciclo de Grandes Voces do Galicia Classics, co regreso do tenor Gregory Kunde, que o ano pasado triunfou de xeito espectacular na ópera Guillaume Tell de Rossini. Kunde, un dos máis aclamados representantes do belcantismo, chegará á cidade da Coruña despois de acadar un grande éxito no Liceo de Barcelona con Anna Bolena de Donizetti. As entradas están dispoñibles na web taquilla.caixagalicia.es ou no teléfono 902 434 443.
Consulta o programa completo aquí.






















